Sen piscina municipal este verán.

  •   O señor Castro non incluíu ningunha partida no Orzamento para a súa reparación ou substitución.
  • Catro meses despois de que a piscina se levantara da cimentación, e a menos de dous meses da súa apertura,  o goberno di que non sabe  como puido pasar, nin o alcance dos danos, nin cal vai ser a solución.
  • No peor dos escenarios, facer unha nova piscina podería custar 150.000 €, unha cifra máis que asumible.
  • A piscina leva anos tendo problemas de filtracións produto do mal mantemento.
  • A solución de David Castro: mentira enriba de mentira.

   Sen piscina este verán, e veremos o próximo. No Pleno do pasado xoves o goberno aprobou coa súa maioría o documento orzamentario para este 2026. Un documento que, como en anos anteriores, é para nós inadmisible por moitas cuestións.  Pero entre as ausencias que encontramos no documento, figura unha clamorosa, que consideramos moi importante e que o señor Castro intentou sen éxito pasar por alto: unha partida para a reparación ou substitución da piscina municipal.

  En xaneiro do ano pasado, durante unha das enchentas do Umia neste inverno , o vaso maior da piscina municipal levantouse da súa cimentación.  

   De partida, tendo en conta que a piscina se inaugurou no 2004, e que neste tempo non tivo ningún problema deste tipo  a pesar de que se producen enchentas case cada ano, non sendo as deste inverno particularmente graves, chama moito a atención que o vaso da piscina, unha estrutura de formigón de dimensións e peso considerables  e ademais completamente enterrada,  se elevara ao redor de 30 cm.

Que as piscinas non deben quedar nunca valeiras, explicase nos colexios. Porén, David Castro leva anos deixando a piscina sen auga de setembro a maio.

  A situación da piscina saíu a relocer no debate do Orzamento por unha cuestión que é chave. Con independencia do custe da reparación ou substitución do vaso da piscina, solución máis que probable, o normal nun goberno minimamente serio sería incluír unha partida orzamentaria para facerlle fronte, sen embargo o goberno do señor Castro actúa como se non acontecera nada.  Ademais, a escusa do señor Castro resulta igual de grave que o feito. Resulta que segundo o alcalde, dende xaneiro aínda non saben o que puido pasar, non saben o que vai custar a reparación, e non saben cando se vai reparar. E como non teñen nin idea de nada, non inclúen unha partida para facerlle fronte. Inadmisible este tipo de xestión. Un orzamento elabórase precisamente para prever gastos con antelación e dispoñer fondos para facerlle fronte.

A realidade é que a ausencia de partida orzamentaria, xunto ás explicacións do señor  Castro , a menos de dous meses da data de apertura ao público, confirman algo que por outra parte resulta evidente vendo o estado do vaso:  a piscina non vai abrir este verán. Esta situación, froito da incompetencia e desidia do goberno, supón un  prexuízo para a veciñanza, pois a piscina tiña unha importante afluencia de persoas, pero tamén para as entidades, entre elas o propio Concello, que organizan campus de verán que inclúen entre as súas actividades xornadas na piscina.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que poidan pasar este tipo de incidencias, pero o goberno debe aportar solucións, non crear nin engordar os problemas.

Dende o noso punto de vista xa fai meses que debería estar en marcha a solución para dispor de piscina este verán, sen embargo o goberno está dando voltas e voltas   como un can intentado morderse o rabo, e nestes meses non avanzou nada, polo que consideramos que se a estas alturas o goberno non é quen de aclarar se a piscina vai abrir ou non vai abrir, e no seu caso en que condicións,  o Concelleiro de Urbanismo debería dimitir de maneira inmediata.

Ademais, se como declarou o goberno, a situación máis desfavorable, que sería facer un vaso novo , ten un custe ao redor  150.000€, tendo en conta que o Concello conta con remanente máis que suficiente para facerlle fronte a este investimento, non se xustifica que non se dispoñan cartos e se intente ter a piscina aberta o antes posible.

  As mentiras do señor Castro.

 O que resulta difícil de creer, é que o Concello non saiba por que o vaso se elevou do chan, nin cal é a súa situación real. Ademais, a restra de mentiras do señor Castro confirman que o desastre da súa xestión está na orixe desta incidencia.

   A primeira mentira foi dicir que no momento de levantarse do chan , o vaso estaba cheo ao 70%. O certo é que o vaso da piscina estaba sen auga. E non de maneira puntual. O goberno local leva anos deixando  os vasos sen auga dende setembro a maio. E o detalle non é menor. Calquera que teña unha piscina de formigón, sabe que esas estruturas non se poden deixar sen auga, non sequera de maneira parcial,  por que os cambios de presión provocan fisuras, roturas do azulexado e perdas de auga, e calquera con nocións básicas de física sabe que ademais  en zonas inundables deixar unha piscina sen auga conleva risco de elevación ou movementos do vaso. O vaso de Ribadumia, e iso sábeno todas as persoas usuarias, leva anos tendo fugas de auga. De feito o estado da piscina foi empeorando nos últimos anos, con desprendementos do azulexado  e con baixadas do nivel de auga por fugas  nas xornadas de verán moi evidentes, e esas fugas de auga, se co tempo  foron comendo terreo por debaixo do vaso,  posiblemente tiveron moito que ver co acontecido. E o máis evidente, se a piscina estivera chea, por peso e presión,  e polas leis da física máis básicas, a piscina non se levantaba.

  Por outra banda David Castro asegurou en Pleno que se fixeron probas para comprobar se hai fugas no vaso sen aclarar  o resultado desas probas . Pero resulta difícil de creer que se fixera proba algunha por que implicaría encher a piscina, cousa que non aconteceu. Ademais, o mal estado do vaso é notorio e visible.

O certo  é que  sen intervención de maquinaria pesada, en ausencia dun terremoto o único capaz de elevar un vaso de formigón desas dimensións é unha bolsa de auga ou unha suba forte do nivel freático, por exemplo en caso de inundacións, que xere presión sobre o vaso, e aínda así, se o vao estivera cheo, sería moi difícil movelo.

Polo tanto, existe unha clara responsabilidade política  derivada da decisión de deixar o vaso sen  auga nove meses no ano, e do abandono do seu mantemento, durante varios anos, que o señor Castro debería asumir.

 Por outro lado, unha vez a estrutura do vaso se desprazou, esta queda comprometida, polo que a única solución que dea garantías de seguridade para as persoas usuarias, ao noso entender,  pasa pola substitución. E en calquera caso, sen garantir a estabilidade do terreo e da propia estrutura, algo que vai máis aló de tapar fendas e repoñer azulexos, dende a nosa posición entendemos que sería moi irresponsable abrir a piscina na situación actual sen unha intervención que a todas luces non se vai producir antes do verán, para o que falta menos de dous meses. Cómpre remarcar que o señor Castro falou de que esta facendo xestións con algún tipo de entidade aseguradora, non explicou cales nin en base a qué,  e outras escusas similares que o único que aclaran é que a piscina no curto prazo non se vai arranxar.

  Dende Somos Ribadumia esiximos menos escusas, menos mentiras,  máis responsabilidade e máis actuación politica. Se a piscina non vai abrir débese dicir claramente. E se vai abrir débese aclarar en que condicións, por que antes de nada  a seguridade para a veciñanza debe ficar claramente garantida.

 Pero sobre todo o goberno debe deixar de dar voltas e poñer en marcha unha solución, por que o único certo é que hoxe o vaso da piscina está exactamente igual que o día seguinte a elevarse do chan, e a este ritmo non imos ter piscina nin este ano nin o ano próximo, pois non esquezamos que de outubro ás marzo é moi complicado facer obras nesa zona.  

David Castro propón unha actualización da RPT para favorecer a persoas próximas.

.

·     Unha RPT para premiar ao persoal amigo e castigar ao persoal que non é da corda do señor Castro.

·   Sen consensuar cos sindicatos, baixo ameaza de recursos legais… outra chapuza marca Castro.

·   Dispara os gastos de persoal, pero para pagar  postos favorecidos mentres castiga á maior parte do persoal cos salarios máis baixos da comarca e da provincia.

Dende Somos Ribadumia queremos deixar claro  que estamos a favor de que se realice unha nova RPT (Relación de Postos de Traballo) , pois a actual, do ano  2013,  leva tempo pedindo a gritos unha actualización para encaixala na realidade do Concello.

  O que non podemos aceptar é que se pretenda aprobar unha chapuza do calibre e intencións ocultas  que propón o señor  Castro.

Unha vez analizada as documentación, as actas das xuntanzas – onde se bloqueou a participación da oposición -, os recursos presentados polos sindicatos e en xeral o que se propón, temos clara a nosa oposición a este documento, que concretamos nos seguintes motivos:

1. Esta RPT non conta co apoio de polo menos a maior parte dos sindicatos, nin foi consensuada con eles. Dos 3 sindicatos con representación , CCOO, CIG e CSIF, unicamente un votou a favor na última  xuntanza de negociación. Pero ademais de non votar a favor, temos constancia de que os sindicatos van presentar alegacións, polo que esta RPT posiblemente non sexa a que finalmente se aprobe.  Polo tanto, aprobar un documento que é papel mollado  non nos parece serio nin sensato.

2.  Nas actas redactadas nas xuntazas cos sindicatos, consta o compromiso do alcalde  de volver no prazo dun ano a  facer unha nova RPT para meter todo o que queda fora nesta, que é moito.  Os compromisos de David Castro non os cree ninguén, pero está documentado e en base a iso debemos expresar que non ten sentido aprobar unha RPT que nace morta por que  só vai durar  un ano, e menos aínda aprobar unha RPT eivada. Fágase unha vez, pero ben feita e co obxectivo de que teña validez varios anos, aínda que leve máis tempo e negociación.

3. Esta RPT certamente contén melloras, nuns casos por que é imposible non reflectilas, noutros  polas presións sindicais, en ningún caso   por vontade do goberno de mellorar nada. Pero sobre todo, e o que nos preocupa,  o que conten a proposta é a creación de postos feitos á medida para mellorar e colocar ben a persoal “da corda do alcalde”.

Hai varios exemplos pero quedámonos co mais sangrante, a creación dun posto de “adxunto de secretaría”.  Tal posto, é totalmente innecesario, e posiblemente ilegal, pois o que corresponde nun Concello como Ribadumia, no caso de querer disociar o posto de secretaría-intervención, é crear o posto de intervención, non un posto cuxas funcións sexa redactar textos para secretaría e suplantar as funcións de tesourería por nada menos que 50.000 € ao ano. Por certo que o departamento conta a día de hoxe con media ducia  de axudantes en postos distintos, incluída tesourería, polo que a creación dese posto non atende a ningunha necesidade real de servizo.

Para nos é evidente que ese posto e outros que se crean novos,  aínda que non están ocupados hoxe, xa teñen nome, e temos serias sospeitas de onde van recaer. E parécenos inaceptable este uso dos recursos públicos para pagar favores políticos.

  Porén, do mesmo xeito que a proposta  contén a creación de postos para colocar ou promocionar a persoal próximo ao alcalde, tamén inclúe outras cousas, como o recorte de competencias en outros postos, e algunha que outra ausencia de postos necesarios. Un deles o posto de bibliotecario, ocupado por un posto distinto,  o de un técnico de cultura que pola  contra  non cumpre con ningunha das súas funcións. E iso xa se fixo mal na RPT de 2013. Tampouco se inclúe o posto de auxiliar administrativo do departamento de Servizos Sociais, un posto que establece –  e que conta con subvención – a propia Xunta de Galicia, e que os traballadores do departamento levan meses demandando. Por certo que vimos de ter constancia de o goberno ten que readmitir dende esta semana a unha persoa que ocupaba precisamente ese posto, logo dunha sentencia onde se anula  o seu despido  declarando  “Nulo por represalias”. O normal sería crear ese posto, pero o Señor Castro segue na súa guerra aberta contra a traballadoras social e o educador familiar.

4. Non podemos apoiar unha RPT que mellora moito as condicións salariais duns postos pero logo castiga con subas ridículas e nalgún caso conxelando o salario doutros postos.  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que se propoñan cifras que supoñen que persoas que están dende as oito da maña ata as tres da tarde cunha desbrozadora ao lombo cobren  o mínimo legal raspado, e o mesmo podemos dicir do persoal administrativo e técnico que non goza co beneplácito do alcalde e apenas ve mellorada as súa  situación. Iso é denigrante para esas persoas e tamén para unha administración pública. E en todo caso, os axustes deben ser equitativos a toda a plantilla, non parciais.

Ademais, non todo é salario. Tampouco hai acordo no relativo as funcións dos diferentes postos laborais,

Os Concellos poderán ter máis persoal ou menos, pero deben ser exemplo á hora de ter condicións laborais dignas e non actuar como escravistas. Para o caso,  Ribadumia ten os salarios máis baixos da comarca e da provincia.

Por último, está o custe económico. Non hai cartos para mellorar as axudas a colectivos, non hai cartos para axudar as empresas nin aos autónomos do Concello, non hai cartos para atender ás peticións veciñais, non hai cartos para ter os parques infantís das parroquias en boas condicións, pero dun dia para o outro hai case 180.000 para pagar as melloras ao persoal amigo, deixándo en mínimos ao resto. O gasto en persoal en orzamentos foi en 2024 de  1.917.629,30 €,  e agora preténdese que sexa de  2.286.999,22 € . En 3 anos os custes de persoal aumentaron en 369.000 €. E iso sen contar asesores externos. Pero Ribadumia está peor, e a veciñanza está lonxe de estar mellor atendida que fai dez anos. E aínda por enriba, a maior parte dos traballadores non notou nin vai notar  en nada este aumento dos custes de persoal. Para nós isto é inaceptable.

Resumindo, o goberno pretende aprobar unha  RPT para premiar aos próximos e para castigar aos que non son da súa corda, xerando no camiño tres problemas por cada un que soluciona, e por se fóra pouco o señor Castro  asegura que a RPT, cuxa redacción ten un custe económico que vai rondar os 5.000€, ao que haberá que engadir o custe de resolver alegacións ou incluso de procesos xudiciais, se vai volver modificar dentro de 1 ano.

Obviamente, se o señor Castro non rectifica e opta finalmente por levar este documento ao Pleno desta semana , votaremos en contra, e valoraremos presentar alegacións.

Bofetada do Tribunal Superior de Xustiza a David Castro: obrigao a repetir un Pleno.

·   Obrigao a repetir, facendo as cousas ben, o Pleno que no pasado mes de Xullo colou pola porta de atrás logo de saltarse o Pleno Ordinario.

·   O TSXG tumba o recurso interposto por David Castro logo da condena do Contencioso e cárgalle as costas.

·   Mais de 5.000 euros leva  custada esta  broma á veciñanza. ( aínda pode ser máis).

·   Esiximos ao señor Castro que acate a sentenza, deixe de tirar os cartos da veciñanza e asuma dunha vez que estamos nunha democracia.

      O Tribunal Superior de Galicia ven de poñer no seu sitio a David Castro, e ademais de maneira dobre. Por un lado obrígao a celebrar o Pleno Ordinario que se saltou sen xustificación o pasado mes de xullo, e polo outro, dado que intentou colar no seu lugar un Extraordinario celebrado tamén sen xustificación un mes despois, anula este último, tanto o Pleno como os acordos, e obriga a que o Pleno Ordinario que se celebre leve a mesma Orde do Dia.

Poñámonos en antecedentes. O pasado 3 de xullo de 2025 debería terse celebrado un Pleno Ordinario. David Castro, desaparecido nese momento do mapa, non convocou o Pleno nin deu explicación algunha por tal feito. Isto de por si é ilegal, pois os Plenos Ordinarios só se poden saltar en casos correctamente xustificados.

  A finais dese mes de xullo, David Castro convocou un Pleno con caracter Extraordinario, e ante as criticas da oposición pretendeu pasalo por substituto do Pleno Ordinario que se saltou previamente, pero unha vez máis sen cumprir os requisitos correspondentes.

   Dende Somos Ribadumia nese momento presentamos un escrito solicitando que se corrixira a situación e se convocase o Pleno correctamente. A resposta de David Castro,  foi o completo desprezo cara o noso Concelleiro e a nosa formación, chegando a asegurar no Pleno do 31 de xullo – cuxa convocatoria se negou a modificar –  que a nosa posición estaba baseada en “opinións” e que non cabía de ningún xeito a posibilidade de que puideramos impugnar ese Pleno.

   Se David Castro pensaba que con actitudes chulescas e declaracións condescendentes ía evitar que tomaramos as medidas que lle advertimos íamos tomar, estaba nun erro enorme. Tal como dixemos, acudimos ao Contencioso, e este deunos a razón nunha sentenza do 27 de outubro de 2025, que  di:

ESTIMO ÍNTEGRAMENTE el recurso contencioso-administrativo interpuesto por  SERGIO SOUTELO MARTÍNEZ, contra la convocatoria y los acuerdos adoptados en el Pleno Extraordinario del concello de Ribadumia celebrado el día 31 de julio de 2025.

Declaro la nulidad de la convocatoria y de todos los acuerdos adoptados en el pleno extraordinario celebrado el día 31 de julio de 2025, de manera que condeno al CONCELLO DE RIBADUMIA a la repetición de los puntos del orden del día mediante la convocatoria y celebración de un nuevo pleno ordinario, conforme al calendario aprobado por el propio Pleno, garantizando la participación de todos los concejales y el ejercicio de las funciones de control y fiscalización propias de las sesiones ordinarias.

Se condena a la parte demandada al pago de las costas del proceso […].

   Nese momento as costas taxáronse en 400 €. E David Castro puido soportar esta primeira bofetada de legalidade, deixar estar e acatar a sentenza, pero aínda considerou que tiña el máis que dicir e presentou recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ven de desestimar ese recurso e de confirmar a sentenza en todos e cada un dos termos. Non só iso, senón que ademais as costas xa subiron a 1.500 €, aos que hai que sumar os custes en avogados e procuradora do Concello, e os do Pleno anulado. Mais de 5.000 € leva tirados David Castro con ese comportamento infantil e antidemocrático.

  Dende Somos Ribadumia, aínda que sabemos que o goberno local ten a opción de poñer un recurso de casación, consideramos que por un lado atendendendo ao contido das sentenzas non tería ningún sentido, e polo outro suporía un custe que nos parece que a veciñanza non debería asumir por un simple capricho do alcalde. Por este motivo Sergio Soutelo ven de presentar un escrito solicitando que se asuma a sentenza e a faga efectiva de maneira inmediata.

 E por se ao señor Castro non lle quedou claro advertimos : “ os nosos dereitos como formación política son os dereitos da veciñanza, e non imos permitir que se pise ningún deles. Non imos permitir que o señor Castro xogue ao despiste cos Plenos, nin imos permitir, como ten ben comprobado, que se nos negue acceso a documentación ou se nos impida cumprir coa nosa función de defender os intereses da nosa veciñanza. Nós somos unha formación seria, recomendámoslle que opte por abandonar ese infantilismo político no que esta instalado, e comece dunha vez a aplicar esa prudencia e seriedade da que tanto lle gusta falar”.

Propoñemos o establecemento dun plan municipal de apoio á reforestación das franxas de seguridade.

  • O Concello aprobou unha norma que xunto á da Xunta de Galicia obriga aos propietarios a manter as franxas de seguridade limpas boa parte do ano.
  • Presentamos unha moción propoñendo un plan con liñas económicas e asesoramento para favorecer a reforestación con especies autóctonas desas franxas de seguridade.
  • O obxectivo: co paso do tempo abaratar tanto o mantemento deses terreos como a xestión municipal do seu control.

      O Concello de Ribadumia conta cunha Ordenanza Municipal Reguladora da Xestión da Biomasa e Limpeza de Terreos, cuxo obxectivo é garantir a seguridade das persoas e bens, así como a prevención de incendios forestais no ámbito municipal.

   A devandita ordenanza establece a obriga das persoas titulares de terreos de manter as parcelas en condicións adecuadas de limpeza e xestión da biomasa, incluíndo a eliminación de especies pirófitas e o mantemento de franxas de seguridade de ata 50 metros arredor de núcleos de poboación e edificacións.

    Non obstante, o cumprimento destas obrigas supón en moitos casos unha carga económica significativa para a veciñanza, especialmente en parcelas de gran superficie ou con presenza de especies forestais non permitidas. Pero a labor de Control da legalidade que corresponde ao Concello tamén lle supón a este unha importante carga, pois tal como o propio alcalde ten declarado, o traballo administrativo e técnico de comunicar cada ano ás persoas que non cumpren as súas obrigas, así como corroborar o estado das parcelas supón un esforzo de persoal e recursos, que se reduciría co tempo cunha correcta xestión das masas forestais afectadas.

   Neste contexto, diversas administracións públicas están a impulsar políticas activas de apoio á cidadanía. Así, recentemente o Concello de Sanxenxo, en colaboración coa Xunta de Galicia, promoveu o reparto de árbores autóctonas para a reforestación das franxas secundarias, facilitando o cumprimento da normativa vixente e fomentando un modelo forestal máis sostible e seguro.

   Este tipo de iniciativas permiten avanzar cara a un modelo de corresponsabilidade, no que a Administración non só impón obrigas, senón que tamén proporciona ferramentas e apoio para o seu cumprimento.

   Por todo isto consideramos oportuno que o Concello de Ribadumia complemente o seu marco normativo cun plan de apoio á reforestación das franxas de seguridade, incentivando a substitución de especies pirófitas por especies frondosas autóctonas, máis resilentes fronte ao lume e de maior valor ambiental. Dito Plan non deber ser puntual, se non establecerse ao longo dun período de tempo de varios anos para que economicamente, e tamén administrativamente, sexa viable.

   Co fin de lograr estes obxectivos vimos de presentar unha moción para Pleno na que propoñemos os seguintes acordos concretos:

1. Crear unha mesa especial para a prevención de incendios forestais,  composta pola parte técnica que designe o goberno local e por representantes de todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal de Ribadumia, co obxectivo inicial de elaborar e trasladar para a súa aprobación en Pleno un Plan Municipal de Apoio á Reforestación das Franxas de Seguridade, dirixido ás persoas titulares de terreos afectados polas obrigas de xestión da biomasa, e cun período de desenvolvemento inicial non superior aos cinco anos, coa posibilidade de ampliarse ou renovarse.

Dito plan debe contemplar  a creación dunha liña de axudas económicas, recollidas no Orzamento anual, destinada a:

–  A adquisición de especies arbóreas frondosas autóctonas.

– A eliminación de especies pirófitas existentes.

– Os traballos de plantación e acondicionamento das parcelas.

Dito Plan tamén debe incluír medidas complementarias de apoio técnico, tales como:

– Asesoramento sobre especies axeitadas e densidades de plantación.

– Información sobre boas prácticas de xestión da biomasa.

– Coordinación con programas da Xunta de Galicia en materia forestal.

Unha vez aprobado o Plan, e posto en marcha, a mesa de traballo deberá elaborar un informe anual cos avances, custes e superficies tratadas, e de ser o caso as propostas de cambios ou axustes necesarias para que o Plan cumpra a súa función,  e presentarse no último Pleno Ordinario de cada ano.

2. Instar ao Concello a estudar a posibilidade de establecer convenios de colaboración coa Xunta de Galicia, co fin de optimizar recursos e ampliar o alcance das actuacións.

3. Que se habilite unha campaña informativa dirixida á veciñanza, explicando tanto as obrigas legais existentes como as novas medidas de apoio.